Somascos a guarda

Cartel Rosalía De Castro

resized IMG 20170220 WA0002

O alumnado de EPO realizou un póster adicado a Rosalía de Castro, que forma parte dunha exposición organizada polo concello, na que participaron todos os centros educativos da vila.

Perfilando as imaxes aparecen unha morea de poemiñas que nenos e nenas lle adican á escritora.

O motivo da exposición é a conmemoración do 180 aniversario do seu nacemento .

NOVO ATALAIA Nº 31

revista

O colexio ten un novo exemplar da revista Novo Atalaia, o número 31, un magazine que foi publicado o 9 de febreiro de 2017, rendendo homenaxe ao noso padroeiro San Xerome. É o resultado do traballo dos alumnos de 2º da ESO na materia de Investigación e Tratamento da Información con actividades das diferentes etapas, entrevistas, pequenas reportaxes, deportes e pasatempos. Como portada o lema do colexio neste curso 2016-17: Dou grazas á vida, dentro dun corazón; e cor, moita cor, que é o que infunden os nosos alumnos.

Debemos buscar as orixes desta revista nos anos 70 no xornal escolar Atalaya cuxos fundadores e redactores foron o clérigo José Luis Montes e o P. Juan Carlos, os profesores Luís Losada e Manuel Fajar, xunto con varios alumnos de BUP. Nos anos seguintes o seu valedor será o P. Varela. No curso 1994-1995 apareceu un novo periódico escolar no colexio baixo o título Novo Atalaia, elaborado por alumnos de BUP da man do profesor Joaquín Miguel Villa Álvarez, quen o incluirá nunha materia escolar chamada EATP porque se deu conta de que ía ser difícil a continuidade da publicación estando fóra do horario escolar e sendo traballo só de voluntarios. Cos anos colleu o relevo a profesora Begoña González Tato, esta vez xa dentro da materia de Técnicas de Expresión Escrita e na actualidade é o núcleo da materia de ITI.

Costiña o pioneiro do cinema na Guarda

Imaxe película Costiña

Este luns 13 de febreiro o Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, proxectou aos alumnos de toda  a ESO un documental coas primeiras imaxes en movemento coñecidas sobre A Guarda realizadas entre os anos 1926 e 1929 polo fotógrafo guardés Joaquín García Portela (1894-1957), máis coñecido polo alcume do «Costiña». Con este documental, que fai de Costiña o pioneiro do cinema na Guarda, os nosos alumnos puideron coñecer de primeira man escenas familiares na casa do autor, así coma das festas da Guarda, dos mariñeiros e da costa, e doutros recunchos da localidade que fan destas imaxes uns documentos patrimoniais de gran valor. A película, de cine mudo, foi comentada por dous estudantes de arte vinculados ao Proxecto Socheo, e os alumnos amosáronse en xeral moi interesados ante unhas imaxes tan antigas da nosa localidade e as súas xentes.

San Xerome e o Tesouro

Por razóns de seguridade, a celebración da festividade de San xerome e a busca do tesouro quedan aprazadas ata que as condicions meteorolóxicas melloren. Esperamos poder celebralo a próxima semana.

Adiccións, xuventude e familia

erguete

O vindeiro martes, 14 de febreiro, ás 19:30, temos prevista unha interesante charla  para as familias  que terá por título Adiccións, xuventude e familia, a cargo do psicólogo e terapeuta Esteban Figueirido Woodward. Será na aula de psicomotricidade do colexio.
Dado que é un tema de especial interese para todos, pregamos a maior asistencia posible. Lembrade que, aínda que os  os vosos fillos/as agora sexan pequenos, medran pronto e enfróntanse a situacións novas que convén coñecer de antemán para poder manexalas de xeito axeitado e eficaz.

Localización

Pacífico Rodriguez, 6. CP: 36780, A Guarda, (Pontevedra)


Como chegar en transporte público:
Bus: Empresa ATSA (Vigo - A Guarda)

Contacta con nós

Contacta e solventa as dúbidas que teñas.

  •  telefono 986 61 09 75 / (Fax) 986 61 09 03
  • mail icono 8727 96Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.